Wednesday 01 de May de 2024

O Concello da Pobra prepara unha reunión sobre a dixitalización para o sector comercial, hostaleiro e pequenas empresas


A Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal atópase estudando servizos relacionados coa dixitalización destinados ao sector comercial, hostaleiro e pequenas empresas do municipio. Os ditos servizos de balde estarían ofrecidos por unha das empresas implantadas no Coworking da Pobra ao abeiro do acordo de lle prestar á Administración local contraprestacións polo uso do dito inmoble incluído na Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo.

Con relación a isto, a edil Amparo Cerecedo considera “interesante esta asistencia cara á dixitalización dos establecementos comerciais e hostaleiros, para se adaptar así ao contexto actual e aproveita-las tecnoloxías para incrementa-lo seu alcance.”

Por tal motivo, no 24 de abril desenvolverase unha xornada explicativa sobre os referidos servizos e quen podería acceder. Conscientes da diversidade dos negocios que compoñen o tecido económico local e, polo tanto, das posibles incompatibilidades de horarios, lánzase unha enquisa en liña con tres franxas horarias para elixir, para acudir á xuntanza. A intención é que a dita xornada conste de dúas reunións, dunha hora de duración cada unha, no propio Coworking.

Ao formulario pódese acceder mediante a seguinte ligazón: https://docs.google.com/forms/d/1jwXiCb50FxVccrxE53_7dDzLsc9NS4qCFJ2k3V-3uuw/viewform?edit_requested=true.